Rescatan dous nenos de 10 e 12 anos que non lograban volver á praia de Montalvo nadando
Por Natalia Puga
Os socorristas das praias de Montalvo e Bascuas, en Sanxenxo, realizaron durante a xornada deste sábado senllos rescates de bañistas que eran incapaces de regresar a terra polos seus propios medios.
O primeiro dos rescates produciuse na praia de Montalvo. Dous nenos de 10 e 12 anos atopábanse á altura da canle de entrada de embarcacións e, debido ás condicións do mar, non eran capaces de volver a terra nadando.
Segundo a información facilitada polo Concello de Sanxenxo, o servizo de socorristas rescatounos e, unha vez que estaban a salvo, acordou limitar a zona de baño por precaución.
O segundo rescate tivo como protagonista a un home de 50 anos que ían sobre un inchable na praia de Bascuas.
A corrente levouno cara ás rocas e non era capaz de saír, de modo que os socorristas acudiron na súa axuda para sacalo da auga.