O cuarto xulgado de Vilagarcía terá que seguir esperando
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, descartou a creación do cuarto Xulgado que se demanda en Vilagarcía dende hai anos "ata que se faga unha nova demarcación ou se abra a creación de novos órganos xudiciais e se comprobe esa necesidade sobre a base do número de casos que atende cada instancia".
Será entón, segundo Alfonso Rueda, "cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia analice a carga de traballo de cada Xulgado e se esta supera o recomendado procederase á súa ampliación".
O vicepresidente da Xunta, durante unha visita oficial en Cambados, arrefriou esa demanda ao recordar que "dende hai 3 anos que nada se move neste aspecto, pero non só en Galicia, senón en todo o territorio nacional", e o único que se está a facer de momento é reforzar os Xulgados con máis persoal.