A Policía Local de Sanxenxo investiga os grafitis aparecidos nas praias de Montalvo, Canelas e Paxariñas
Por Redacción
A Policía Local de Sanxenxo investiga os grafitis aparecidos en dous módulos de socorrismo e baños das praias de Canelas e Montalvo, así como nun quiosco de Paxariñas.
Os feitos considéranse unha infracción moi grave que pode carrexar unha sanción que vai desde os 401 ata 600 euros, segundo a ordenanza municipal de Fomento de Convivencia Cidadá: “Realizar pintadas, grafismos ou murais, en calquera dos bens públicos ou espazos públicos sen autorización municipal que, polo seu tamaño ou soporte no que realicen produzan unha alteración relevante do Concello”.
Desde o departamento encargado do mantemento de praias da Concellería de Turismo realizouse o repintado esta mesma mañá do módulo de socorrismo. Máis complicado resultará a recuperación do módulo de baños estreado esta tempada na praia de Canelas e que polo seu material, madeira tecnolóxica, resulta máis complexa a súa limpeza.
A Policía revisará as cámaras próximas ás praias para dar cos autores e reforzará a vixilancia nas contornas. Desde o goberno local lamentan este tipo de actos vandálicos que atentan contra bens públicos e supoñen un gasto para as arcas municipais.
Relacionadas:
-
Man dura en Sanxenxo para reforzar a seguridade viaria nas festas de Nadal
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo deron 881 avisos por infraccións de embarcacións durante o mes de agosto
Por Oskar Viéitez |
-
Os axentes municipais investigan actos vandálicos nas praias de Canelas e Panadeira
Por Redacción |