Os axentes municipais investigan actos vandálicos nas praias de Canelas e Panadeira
Por Redacción
A Policía Local investiga dous actos vandálicos ocorridos esta fin de semana en Sanxenxo.
O primeiro tivo lugar no parque de Panadeira, na zona de xogos, onde apareceron cortados os engánches das dúas camas elásticas, recentemente renovadas, dentro do plan de posta a piques das zonas de xogo municipais. Nun primeiro momento pensouse nun uso indebido das instalacións, pero tras unha inspección ocular comprobouse que os cables estaban cortados e que se levaron varias pezas.
Os feitos ocorreron na madrugada do venres ao sábado e xa se contactou coa empresa encargada da mellora para que se repoñan canto antes.
O outro ben público afectado polos vándalos foi o módulo de aseos da praia de Canelas en Portonovo que amenceu o domingo con varias madeiras da fachada rotas por mor de fortes golpes, probablemente con pedras. Os danos ocasionados superan os 1.000 euros e estase tramitando a pertinente reparación.
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, xa se interpuxo senllas denuncias na Policía Local para que se investigue o sucedido e tratar de dar co autor ou autores dos feitos.
"É lamentable que se atente desta forma contra o mobiliario e bens municipais que saen dos petos de todos os veciños e veciñas de Sanxenxo", censurou Deza.