O Concello de Pontevedra lanza un plan especial de supervisión e reparación dos parques infantís
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa en funcións e portavoz do Goberno, Eva Vilaverde, informou da posta en marcha desde o departamento de Parques e xardíns dun plan especial de supervisión, priorización, reparación e mantemento dos parques infantís municipais, tanto urbanos como rurais.
A decisión foi tomada trala chegada de diversas queixas e suxestións de diversa índole ao redor destes parques.
Vilaverde indicou que vaise facer unha comprobación xenérica do estado dos 57 parques infantís do Concello "dos que se realizará un seguimento estrito da súa vida útil, da súa duración, de como están, como envelleceron...", entre outros aspecto.
Esta iniciativa constará de dous apartados: diagnose e priorización de actuacións. No primeiro preténdese coñecer o estado real de cada unha destas áreas infantís, determinando o seu estado de conservación no tocante aos elementos de xogo, enlousado, valado, sinalización obrigatoria, estado da contorna, limpeza, iluminación...; e o segundo busca priorizar as actuacións que se deberan facer en cada un deles, comezando polos que se atopan en peor estado de conservación e tratando de corrixir todas as deficiencias. Tamén inclúe, esta segunda fase do plan, o custe aproximado de todas as actuacións.
A finalidade principal do plan é garantir que os nenos de Pontevedra xoguen en espazos seguros e adecuados, en boas condicións de seguridade e de hixiene. Para iso é preciso coñecer o estado dos espazos, dos pavimentos, dos xogos, da sinalización o seu uso e mantemento, ademais doutras cuestións particulares de cada parque.
Tamén procurará ter un control exhaustivo de todas as áreas infantís, coñecendo o seu estado de conservación, a súa vida útil e poder prever os futuros cambios en función do seu uso, da súa idade ou da incidencia da meteoroloxía, entre outros aspectos que poden incidir na súa conservación.
Ao mesmo tempo, o Concello comprométese a que no caso de obter algún resultado de urxentísima actuación, se adopten medidas de emerxencia pertinentes para reverter a situación.