A coordinadora do Rural inicia unha rolda de reunións cos colectivos veciñais das parroquias pontevedresas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A concelleira coordinadora do Rural, María José Abilleira, mantivo unha xuntanza este martes co presidente da asociación de veciños Os Campos, Raimundo Argibay, co fin de analizar e facer un seguimento as diferentes actuacións realizadas ou que están por vir na parroquia de Mourente, ademais de analizar e tomar nota das necesidades que a asociación detecta na parroquia.
Está previsto que a coordinadora do Rural manteña unha nova reunión este mércores, 9 de agosto, coa asociación de veciños Santa María de Xeve; namentres o xoves, 10 de agosto, teña outra coa asociación de veciños Santo André de Xeve.
Ao longo dos vindeiros días a axenda de reunión seguirá o seu curso, lembrando a edil que "o Goberno Local está nunha nova etapa, con novos retos e proxectos de futuro".
"Desde o Concello queremos manter e potenciar unha canle de comunicación permanente cos distintos colectivos veciñais das parroquias", explica Abilleira. "Estamos a traballar co fin de estreitar lazos entre os colectivos e as institucións locais na procura dun mellor entendemento que permita e abra a porta a unha axilización dos proxectos, amais de mellorar a calidade de vida das persoas que viven no rural".