Cedofeita convida a lembrar oficios tradicionais na mostra aberta na Casa da Cultura de Lérez
Por Anxo Lourido
A asociación Cedofeita organizou a súa tradicional exposición de agosto. Nesta ocasión dedicada a 'Xente de oficio: traballos e ocupacións tradicionais'.
A inauguración, coa presenza do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, realizábase este venres. A mostra permanecerá aberta este sábado, domingo 6 e luns 7. O horario de visitas é de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas.
Recóllense máis de 150 imaxes que pretenden lembrar a xente traballadora de Lérez que realizaban distintos oficios tradicionais como, entre outros, o de ferreiro, lavandeiras, canteiros ou afiadores. Nas fotografías tamén se atopa outras persoas da parroquia que realizaron traballos contemporáneos e que, por outros motivos, tamén figuran nesta selección, segundo indican desde a organización.
POLÉMICA CO NOVO CURA DE LÉREZ
Este ano a mostra desenvólvese na Casa dá Cultura de Lérez e non no Mosteiro. Segundo os responsables de Cedofeita, o actual cura Pablo Carou "tratou de impoñer unha nova esixencia para ceder o local do Mosteiro" onde habitualmente ofrecíase este traballo da asociación.
Segundo sinalan, os anteriores curas prestaban o local do Mosteiro e a asociación tiña que facerse cargo da limpeza do recinto de exposición e do patio de acceso; do pago de electricidade consumida, menos nos últimos anos por vontade do anterior cura; e facer constar na difusión que o local se cedía de maneira desinteresada.
Pablo Carou, polémico por negar a comuñón a unha freguesa durante un funeral, esixiu a Cedofeita que pintase o portalón do patio polas dúas caras con lixado, imprimación e dúas mans de pintura de verde carrocero.
#Ante esta petición, a asociación negouse a aceptar esta nova condición ao carecer de recursos económicos e ao entender que non lle corresponde realizar estes labores de mantemento de elementos que pertencen á Igrexa como institución.
Relacionadas:
-
Calo Lourido falará da "construción interesada e falsa" da historia de España na Casa de Cultura de Lérez
Por Redacción |
-
San Bieito de Lérez esgota as botellas de aceite milagreiro ante a demanda de milleiros de devotos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Fala a familia afectada pola actitude do párroco de Lérez: "Sentimos un desprezo total do cura falando de política e do aborto no funeral"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O novo cura de Lérez nega a comuñón a unha devota nun funeral e causa un cisma na parroquia
Por Anxo Lourido |