Os sete meses de acoso a unha pontevedresa que acabou poñendo cadeados e instalando cámaras
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Entre o verán de 2020 e abril de 2021, unha pontevedresa viviu unha situación de acoso por parte de quen ata xusto antes fora o seu amigo. Todo comezou cando ela decidiu cortar a amizade porque el facíalle unha serie de fotografías estando na praia de Lourido, en Poio.
Desde ese momento do verán de 2020 no que ela se decatou das fotos, el iniciou unha "conduta de fustrigación cara a ela" que chegou aos tribunais e terminou en condena.
Segundo consta probado en dúas sentenzas diferentes, el ía en repetidas ocasións á mesma cafetería que ela e, nunha delas, tentouna convidar a un café, aínda que ela rexeitouno; seguiuna en coche en varias ocasións; ás veces esperábaa á porta do seu domicilio; e en numerosas ocasións esperábaa na cuneta da estrada de Vigo e mirábaa cando pasaba para traballar.
Cada día, acudía polo menos catro ou cinco veces á leira onde ela coida cabalos, e en dúas ocasións ela tívolle que dicir que a deixase en paz.
O home tratou de conseguir o achegamento a ela a través da súa filla, apareceulle por detrás de forma sorpresiva cando sacaba diñeiro dun caixeiro e mandoulle unha mensaxe que dicía cousas sobre o corpo da súa filla.
Como consecuencia da conduta deste home, a vítima tivo que modificar a súa vida cotiá dunha forma que poida cualificarse como grave. Así, deixou de ir á praia de Lourido; cambiou o roteiro que facía en coche para ir traballar; deixou de ir á cafetería que adoitaba frecuentar; comezou a pechar a porta do seu coche, que antes deixaba aberto aparcado na súa leira; puxo cadeados na cuadra dos cabalos; e instalou unha cámara de vixilancia na leira ante o temor a que el puidese facer algo.
Finalmente, ela presentou denuncia por estes feitos ante a Policía Nacional e o caso chegou ao Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, que o condenou por un delito contra a liberdade na súa modalidade de acoso.
A condena ao acusado implica dez meses de prisión e a prohibición de achegarse á súa vítima e de comunicarse con ela durante dous anos.
O acusado recorreu a sentenza alegando que non hai probas de que a súa antiga amiga estivese algunha vez insegura ou intranquila e que modificase os seus hábitos cotiáns porque ve limitada a súa liberdade de obrar como consecuencia do acoso.
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, tras revisar o caso, decidiu desestimar o seu recurso e confirmar a sentenza. Considera a maxistrada de segunda instancia que os feitos son "dunha gravidade severa", pois "acosou á prexudicada durante máis de sete meses sumíndoa nunha situación de zozobra e medo".