O Concello de Ribadumia mellora os camiños do lugar de Cabanelas
Por Redacción
As obras continúan nos camiños e os equipamentos de Ribadumia. Esta vez actúan na pavimentación e mellora de camiños na zona de Cabanelas.
Este proxecto planificouse co obxectivo de potenciar a accesibilidade, seguridade e servizos en tramos do viario situados en lugares con alta densidade de poboación.
As obras estanse levando a cabo en dúas zonas: na paraxe de Veiga de Soto e na paraxe de Cacheiras, en camiños que dan acceso a un importante número de vivendas da zona.
A actuación na Veiga de Soto pretende rematar a pavimentación dun tramo de camiño municipal en ambas as marxes do mesmo que se atopaban en terra. As obras previstas buscan dotar dun firme en aglomerado asfáltico en quente, para lograr a continuidade coa plataforma existente. Ademais, tamén se está a executar a rede soterrada de pluviais para a recollida de augas superficiais e das cubertas das edificacións, eliminando os tramos de cuneta.
Na zona de Cacheiras, acométese o remate superficial dun camiño de titularidade municipal con aglomerado asfáltico en quente. Neste mesmo lugar xa se levou a cabo unha actuación anteriormente para o ancheamento da plataforma do camiño, a definición de límites e a preparación para a pavimentación que se está acometendo nestes momentos.
A prioridade do Concello de Ribadumia é mellorar e satisfacer as necesidades de toda a veciñanza, así como aumentar a seguridade e a accesibilidade de todos os puntos do municipio. Este proxecto supuxo un investimento total de 95.140 euros, dos que 48.364 proceden do Plan Concellos 2022 da Deputación e, a parte restante, investida polo Plan Concellos 2020.