As obras de construción do novo campo de fútbol de Salcedo, ao fin en marcha
Por Redacción
Despois dun proceso que se alongou no tempo máis do esperado, o Concello de Pontevedra iniciou este venres ao fin as obras de construción do novo campo de fútbol de Salcedo.
Fíxoo cun acto formal de firma da acta de inicio nos propios terreos do campo e coa presenza da concelleira de Deportes, Anabel Gulías, os arquitectos do proxecto, a empresa adxudicataria Prace e técnicos municipais.
Alí mesmo celebrouse unha reunión entre as partes na que se informou que nos próximos días iniciarase a roza de toda a parcela para realizar, a continuación, as medicións topográficas necesarias.
Trátase do inicio oficial das obras para contar cun "equipamento necesario" e demandado, asegurando a edil que "seguiremos traballando por ter equipamentos excelentes para a práctica do deporte". Ademais Gulías pediu á empresa a maior celeridade posible á hora de executar as obras para tratar de axilizar os prazos previstos.
Cabe lembrar que o campo de fútbol de Salcedo foi adxudicado á empresa Prace Servizos e Obras por un orzamento de 1.959.886,16 euros, despois de ter que dar marcha atrás a unha primeira licitación.
A instalación deportiva, de céspede artificial, contará cunhas dimensións de 100×58 metros e tres edificacións. Nunha habilitaranse os vestiarios, a enfermería, o almacén e outras instalacións; noutra estarán a cantina e os aseos; e na última un almacén para bicicletas e unha aula de natureza.
Relacionadas:
-
Adxudican o novo campo de fútbol de Salcedo por 1,95 millóns de euros
Por Redacción |
-
Sae a licitación pública o campo de fútbol de Salcedo por case dous millóns de euros
Por Anxo Lourido |
-
Salcedo volve manifestarse para reclamar a construción do campo de fútbol
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello inicia o expediente de licitación do campo de fútbol de Salcedo: "É unha cuestión prioritaria"
Por Redacción |
-
Volverán licitar as obras do campo de fútbol de Salcedo ao crebar unha das adxudicatarias
Por Oskar Viéitez |