Axudicada por 152.000 euros unha senda peonil entre O Vinquiño e Contumil
Por Redacción
As obras de execución dunha senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre O Vinquiño e Contumil, en Sanxenxo, custarán finalmente 151.902 euros.
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar a actuación á empresa Construcciones E.C. Casas, S.L.
Esta obra ten como obxectivo resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesa zona.
A previsión é iniciar as obras a finais de setembro, tendo en conta que os actos expropiatorios de levantamento de actas previas xa foron realizados e que a formalización das actas de ocupación está prevista para o vindeiro 19 de setembro. Prevese que os traballos estean rematados a finais de ano ou principios de 2024.
O investimento total da actuación ascende a 180.000 euros, tendo en conta as expropiacións dos predios precisos para a súa execución.
Construirase un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía AG-41 e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.
Con esta alternativa, evítase o paso polo enlace da glorieta inferior de acceso a Sanxenxo, conseguindo así unha maior seguridade viaria para os peóns e garantindo unha solución técnica e viable a un problema de mobilidade peonil e de comunicación xa existente neste punto de acceso á vila onde, ademais, se atopa un importante núcleo de establecementos comerciais.