Unha pelexa entre irmáns cunha motoserra e unha cadea de ferro acaba en condena e afastamento
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra primeiro e a sección segunda da Audiencia Provincial despois condenaron dous irmáns pontevedreses por unha pelexa en Campo Lameiro no ano 2017 na que chegaron a agredirse o un ao outro cunha motoserra e unha cadea de ferro.
O irmán número 1 foi condenado por un delito de lesións agravadas pola utilización de instrumento perigoso e no que concorre a circunstancia agravante de parentesco. Debe cumprir catro anos de prisión e cinco anos de prohibición de achegarse a un dos seus irmáns (o 3) e comunicarse con el, así como indemnizalo con 8.000 euros.
O irmán 2 foi condenado por un delito leve de lesións no que concorre a agravante de parentesco a dous meses de multa a razón de seis euros diarios (360 euros) e seis meses de prohibición de achegarse ao seu irmán 1 e comunicarse con el. Tamén o indemnizará con 1.000 euros.
Nesta causa tamén estaba acusado o terceiro irmán, o que resultou máis ferido, aínda que resultou absolto.
Os feitos ocorreron sobre as 11:00 horas do 19 de marzo de 2017. O que nomeamos irmán 1 dirixiuse xunto coa súa parella, un amigo e o pai deste á casa da súa nai en Campo Lameiro, na que se atopaban os seus dous irmáns, o 2 e o 3.
Entre os irmáns 1 e 2 e 3 non había boas relacións previas e iniciouse unha forte discusión entre os tres da que se descoñece a causa.
Durante a discusión, o irmán 1 colleu unha motoserra que había no interior do seu coche e, tras acendela e darlle gas, e coa intención de menoscabar a integridade física do seu irmán 3, enfrontouse a el coa motoserra acesa e cortoulle con ela na perna esquerda. Para curarse necesitou 62 días e quedáronlle como secuelas catro cicatrices.
Durante a discusión, o irmán 2 tamén actuou coa intención de menoscabar a integridade do seu irmán 1 e golpeouno nas costas cunha cadea de ferro. Quedaron como secuelas dúas cicatrices nas costas pola cadea de ferro.