Condenado un maltratador que ameazou a súa parella con "cortala en anacos, metela nunha bolsa e tirala ao río"
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Un maltratador pontevedrés foi condenado a 120 días de traballos en beneficio da comunidade e unha orde de afastamento dun ano por agredir e ameazar á súa parella, á que dixo "que a ía a cortar en anacos, meter nunha bolsa e tirala ao río".
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar a sentenza condenatoria previa do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra e considerar a este home autor de dous delitos de malos tratos, un pola agresión e outro polas ameazas.
O acusado e a súa vítima eran parella e convivían nun domicilio de Pontevedra cando ocorreron os feitos, o 23 de marzo de 2021.
Ese día, o acusado chegou a casa ebrio e continuou bebendo. Nun momento dado, iniciouse unha discusión entre ambos e el deulle á súa parella dous empuxóns. Como resultado, ela golpeouse contra o mobiliario da cociña, aínda que non sufriu lesións.
A muller decidiu irse á súa habitación e pechou a porta e, desde o exterior, o acusado díxolle a frase ameazante antes referida "con intención de crear temor" nela.
A condena inclúe, por cada un dos dous delitos, 60 días de traballos en beneficio da comunidade, privación do dereito á tenencia e porte de anos durante dous anos e prohibición de achegarse a menos de 100 metros da súa vítima e de comunicarse con ela por calquera medio durante seis meses.
O acusado recorreu a sentenza inicial argumentando que a súa vítima incorría en contradicións e o seu relato non cumpría o requisito de verosimilitude nin tiña credibilidade. Con todo, a Audiencia confirma a condena, concluíndo que a vítima é unha "testemuña fiable" e non existen "indicios reais da suposta confusión á que se refire o escrito de recurso".