O festival Chalaniña trae a Lourido espectáculos gratuítos para toda a familia
Por Redacción
O festival de animación infantil Chalaniña, organizado polo Concello de Poio, celebrarase desde este mércores 26 e ata o sábado 29 de xullo no pinar da praia de Lourido e no parque de Costa Xiráldez. Trátase dunha alternativa de ocio e de lecer durante o verán, ao tempo que se fomenta o gusto pola cultura dos máis pequenos.
Todos os días haberá unha actuación destinada para o público familiar, ás 19.30 horas e con entrada gratuíta. O Mago Noel inaugura o festival, un mago e ilusionista que combina maxia cun toque de humor. Xa o xoves, será a quenda de Pakolas, autor e compositor, que formou parte de grupos infantís como Mamá Cabra ou Gramola Gominola e que agora presenta un traballo en solitario con música pensada tamén nos máis cativos.
Cé orquestra pantasma, que actúa o venres, leva percorrendo desde 2008 o máis variado panorama festeiro galego e portugués. E por último, o sábado actuará Fantoches Baj, unha compañía de monicreques que presenta O tranvía Leonardo. En todos os casos as actuacións serán no pinar da praia de Lourido, agás os monicreques de Fantoches Baj, cuxo espectáculo realizarase no parque de Costa Xiráldez.
Esta mesma tarde, ás 18.30 horas inaugúranse os Xogos de Verán Lourido 2023, nos que hai inscritos aproximadamente 300 participantes de todas as idades. A primeira xornada da 27 edición dos xogos organizados pola AA.VV. Cultural e Deportiva de Lourido, en colaboración co Concello de Poio, ten programadas as competicións de pista de obstáculos, as eliminatorias de fútbol 6 base e de petanca, a primeira ronda de volei praia e a actividade zumba.
Ata o sábado, os participantes competirán tamén en carreiras populares e de caramelos, bici-praia, tenis, chave e pesca. Ademais, durante estes días poderanse disfrutar doutras actividades, como ximnasia de mantemento, manualidades, xincana para a caza do tesouro ou pistas de obstáculos. Os xogos rematarán cunha festa fin de xogos e coa entrega de premios no parque de Costa Xiráldez.
O 25 de xullo, o Concello de Poio celebra o Día de Galicia cun acto institucional en Vilariño, a partir das 20.00 horas, e que incluirá un concerto da Escola de Acordeóns de Campelo, entrega de 40 bandeiras a particulares e 10 asociacións de nova creación, e a interpretación do Himno Galego a cargo do artista local Yago Martínez e de Juan Mariño, da Escola de Acordeóns de Campelo.
A festa de Galicia porá cada ano en valor un lugar do concello que simbolicen a esencia galega de Poio e no que se lle dará voz aos artistas locais. O Goberno local anima a toda a veciñanza a participar na conmemoración deste día, e destaca o formato elixido nesta nova estapa: “un acto no que caiban e se sentan cómodos todos os veciños. Un punto de encontro, aberto, vivo e orgullosos do propio, como Poio e como Galicia”.
Relacionadas:
-
Logo da Panorama, Raxó agarda pola Orquestra da Universidade de Santiago
Por Redacción |
-
O público infantil goza co Festival Chalaniña en Lourido
Por Redacción |
-
O Goberno local de Poio sinala que as festas de San Xoán foron seguras, inclusivas e un éxito de participación
Por Oskar Viéitez |
-
Unha festa infantil con inchables, escuma e animación porá o martes o broche final ao San Xoán de Poio
Por Redacción |