"Te vas a enterar, te lo voy a quitar de la piel", a ameaza dun home ao seu veciño diante da súa filla
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
"Te vas a enterar, te lo voy a quitar de la piel, hijo de perra". Estas palabras dirixiullas un pontevedrés ao seu veciño mentres realizaba traballos de xardinería nunha leira acompañado pola súa filla e, por elas, foi condenado por un delito de ameazas ao pago dunha multa dun mes a razón de seis euros diarios, isto é, 180 euros.
Os feitos ocorreron sobre as 11.00 horas da mañá do 7 de agosto de 2022 e foron a xuízo no Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, que en decembro condenou ao autor das ameazas. Logo, recorreu e agora a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar a sentenza.
A sentenza agora confirmada considerada probado que a vítima estaba coa súa filla cando apareceu o denunciado pola estrada, díxolle esas ameazas e marchouse. Transcorridos aproximadamente 10 ou 15 minutos, dirixiuse a el desde o seu domicilio mentres portaba un coitelo e fíxolle un xesto consistente en pasar un coitelo polo pescozo "á vez que lle dicía que lle ía a rebentar a casa".
O condenado alegaba a vulneración do dereito á presunción de inocencia por ausencia de proba de cargo e explicaba que só había contra el a declaración do denunciante, unha persoa coa que tiña unha "inimizade manifesta e patente" e coa que tiña denuncias cruzadas.
Con todo, a Audiencia rexeita esta recurso e considera que "a existencia de malas relacións ou mesmo inimizade pode xogar en contra da credibilidade" da vítima "pero tamén pode explicar os feitos".
O acusado e a súa vítima teñen un xuízo pendente e o tribunal considera que nese xuízo hai un "móbil" para a ameaza vertida polo denunciado ao denunciante. Ademais, sostén que o condenado alega contradicións, "pero non se concretan" e conclúe que "existiu proba de cargo de contido incriminatorio e suficiente" para desvirtuar a presunción de inocencia, practicada "con todas as garantías para a súa validez e eficacia".