A Escola de Cantería será un centro integrado de FP especializado en construción, cantería e restauración
Por Alejandro Espiño
Un centro integrado de FP que desenvolverá "gradualmente" as especialidades de construción, cantería e restauración. Así será o futuro da Escola de Cantería, cunha xestión que xa asumirá a Xunta de Galicia de xeito inmediato, tras aprobar o decreto para o seu traspaso.
O centro, dependente ata o de agora da Deputación de Pontevedra, iniciará este novo camiño formativo no curso 2024-2025, segundo avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Este cambio, detallou o presidente galego, suporá unha "ampla autonomía e flexibilidade organizativa", unha maior versatilidade na programación da súa oferta formativa e máis capacidade para mellorar a capacitación das persoas que estuden na escola.
A Xunta asumirá así todas as funcións, servizos e recursos persoais e materiais adcritos a esta escola e acorda a súa transformación nun centro público docente dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formacion Profesional e Universidades.
Un dos obxectivos será o de recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos mais antigos e representativos de Galicia e que na actualidade é un dos eidos con mais dificultades de remuda xeracional e no que hai unha grande demanda de persoas coas competencias necesarias.
De aí, segundo a Xunta, que a súa conversión en centro integrado de formación profesional leve aparellado un reforzo da oferta vinculada á construcion e restauración de edificacións en pedra, ao deseño e produción e á restauracion de pezas artísticas en pedra.
Ademais, tamén se impulsará a formación no ámbito artístico mediante a produción de elementos artísticos e escultóricos en pedra, incluíndo a súa restauración.
No que atinxe ao persoal, a Xunta asume os oito traballadores actuais (seis mestres especialistas, un oficial e un operario de servizos), nos termos establecidos no estatuto dos traballadores e nas mesmas condicións que teñan recoñecidas pola Deputación de Pontevedra.
Os terreos seguirán pertencendo á comunidade de montes de San Salvador de Poio, mentres que a Xunta se subroga na posición xurídica da Deputación, segundo o establecido no acordo de cesión adoptado entre ambas as dúas partes en 1996 e ratificado de novo en marzo de 2023.
Relacionadas:
-
A Asociación de Canteiros aplaude o traspaso da Escola, con algún matiz
Por Oskar Viéitez |
-
"Primeiro paso" para que a Escola de Cantería sexa unha das "xoias da coroa" da FP galega
Por Alejandro Espiño |
-
Moldes confía en que a 'nova' Escola de Cantería sexa un "referente" en toda España
Por Redacción |
-
A Deputación pecha o mandato cun acordo unánime para transferir a Escola de Cantería á Xunta
Por Natalia Puga |
-
En tres meses poderase transferir a titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |
-
Agardan materializar no primeiro semestre de 2023 a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |