Vox difunde que Pontevedra foi "laboratorio de los experimentos ideológicos de la Agenda 2030" e cita zonas de baixas emisións inexistentes
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O vicepresidente de Vox, Javier Ortega Smith, fixo unha parada este xoves en Pontevedra dentro da súa campaña galega para as eleccións xerais do próximo domingo 23 de xullo e, tras un percorrido por varias rúas da cidade, explicou que elixiu esta localidade pola "importancia que ha tenido" na configuración da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU.
Así, en declaracións aos medios de comunicación explicou que Pontevedra foi "una provincia laboratorio de los experimentos ideológicos de la Agenda 2030" e agora "está sufriendo las consecuencias de quiénes están probando aquí lo que les gustaría imponer en el resto de España y en el resto de Europa".
A preguntas dos medios sobre quen probou aquí ese suposto laboratorio, do que ata o de agora nada se difundiu, non especificou máis aló de falar en plural e de citar a 40 cidades que están a aplicar as zonas de baixas emisións, como Madrid.
Ortega Smith falou dunhas zonas de baixas emisións inexistentes en Pontevedra e non aclarou a que se refería, pero si insistiu en que "utilizaron" Pontevedra como laboratorio e que o obxectivo era "trasladar al resto de ciudades de más de 50.000 habitantes las imposiciones de tráfico".
Con estas zonas de baixas emisións, segundo o vicepresidente de Vox, "la libertad de movimiento ha quedado restringida", pois "no permite circular" e creou "ciudadanos de primera y de segunda", xa que "solo aquel que puede comprar un coche eléctrico puede entrar en las ciudades".
Ortega Smith estivo acompañado polo número 1 ao Senado por Pontevedra, o tamén candidato local de Vox Manuel Torres, e polo número 2 ao Congreso, Miguel Paz. Non entraron en ningún comercio, como adoita facerse neste tipo de paseos electorais, pero si se pararon a falar con multitude de cidadáns e houbo moitos que pediron poder facerse unha foto con el.
Durante o paseo, déronse circunstancias curiosas como que o seu equipo de seguridade impediu a unha persoa que traballa para a ONG Unicef achegarse ao vicepresidente de Vox e que o concelleiro do PP local Gerardo Pérez Puga achegouse a entregarlle un sobre electoral.
O paseo concluíu na Praza de España, onde repuxo carteis de Vox que asegura que foron "vandalizados".
Ademais, en declaracións aos medios de comunicación, referiuse á empresa Ence e a quen "ha intentado cerrar la industria del papel y no lo han logrado" en Pontevedra, insistindo en que "las excusas medioambientales que ponían han decaído en los tribunales" e "por suerte, el Tribunal Supremo les ha puesto en su sitio".
As persoas que se opoñen á permanencia de Ence, para Ortega Smith, son "negacionistas do sentido común e dos postos de traballo e da industria".
Na súa declaración, equiparou ao PP e ao PSOE polas súas posturas sobre o cambio climático, chamando aos socialistas "la izquierda más sectaria" e á 'populares' "izquierda camuflada" e "derechita acobardada".