![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ca4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64b2cbec26-00-entrada-policia.jpg)
© Diego Torrado
Ingreso en prisión provisional sen fianza para o mozo que atacou un xornalista en Pontevedra cun coitelo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Andrés de Vicente Fuentes, coñecido como 'Capi', ingresará en prisión provisional comunicada e sen fianza. Así o ditaminou este sábado a maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, en funcións de garda.
A decisión prodúcese despois de que o mozo entrase na mañá deste venres 14 na delegación de La Voz de Galicia na rúa Rosalía de Castro, de Pontevedra, armado cun coitelo co que provocou lesións nun brazo e na man a un xornalista dese medio de comunicación.
Ademais, o presunto agresor causou diferentes danos materiais na redacción do xornal ao tirar pantallas de computadores ao chan e causar diversas desfeitas nas instalacións.
O mozo coñecido como Capi atópase investigado polos delitos de homicidio en grao de tentativa, atentado a axentes da autoridade, danos e lesións.
O xornalista que sufriu a agresión recupérase das mancaduras, que non revisten gravidade.
Andrés de Vicente Fuentes foi coñecido a raíz de que agredira a Mariano Rajoy en Pontevedra no ano 2015 na contorna da praza da Peregrina.