Investigan un home, vinculado ao conflito laboral dos bombeiros, por incendiar contedores de lixo no Morrazo
Por Redacción
A Garda Civil do Posto de Moaña en colaboración co EBIO (Equipo de Investigación da Compañía de Pontevedra) investigan un home como presunto autor dun delito de danos, ao estar relacionado con diversos incendios en vías públicas.
O domingo 2 de xullo, os axentes acudían a unha queima de pneumáticos nun paso elevado, á altura do quilómetro 10 do Corredor do Morrazo, coa presenza dunha pancarta na que se lía a mensaxe "Cangas sen Bombeiros". Minutos máis tarde rexístranse tres novos incendios de contedores de lixo en varios puntos do Morrazo, que segundo as investigacións serían intencionados.
O primeiro producíase en Tirán e, pouco despois, un segundo na Paradela, ambas as zonas pertencentes ao municipio de Moaña. O terceiro detectábase en Lapamán, en Bueu. Patrullas da Garda Civil colaboraron para extinguir as chamas en todos estes casos.
Segundo indican desde a Garda Civil, os feitos coinciden co conflito laboral dos bombeiros e ao identificar o home de 44 anos, veciño de Moaña, como presunto autor dos incendios e comproban que está relacionado directamente co conflito.
Os axentes entregarán as dilixencias no Xulgado de Garda de Cangas.