O Arquivo provincial dixitaliza a memoria dos municipios
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra leva organizados, clasificados e informatizados máis de 1,2 millóns de documentos dos arquivos municipais de 58 concellos da provincia (exceptuando Pontevedra, Vigo, Marín e Cangas).
Trátase dun labor orientado a conservar a memoria dos nosos municipios e a facilitar a súa consulta por parte dos cidadáns que están desenvolvendo os técnicos do Arquivo Provincial para axudar a conservar a documentación que ao longo dos anos se xerou nos concellos e que se segue a xerar.
No pasado ano actualizáronse os arquivos de 24 concellos e 3 xulgados de Paz, e incorporáronse aos arquivos municipais preto de 60.000 novos rexistros (que identifican documentos ou grupos de documentos), arquivados en 9.811 caixas ou carpetas de clasificación.
A través desta labor dotouse aos arquivos dos concellos dos elementos informatizados necesarios para facilitar a localización e consulta de documentos: guía do arquivo; inventario detallado e inventario xeral; ademais dunha completísima base de datos con toda a documentación existente. A maioría da documentación que se conserva é contemporánea, dos séculos XIX, XX e XXI. Baiona é un dos únicos concellos que dispoñen nos seus arquivos de documentación histórica, desde o século XIV.
Algúns dos concellos con maior base documental son os de Vilagarcía de Arousa (case 100.000 rexistros) e Sanxenxo (44.300).