Unha moza vietnamita confúndese seguindo o GPS e acaba circulando en bicicleta pola AP-9
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Tráfico tivo que auxiliar esta semana a unha ciclista que circulaba pola autoestrada AP-9 na circunvalación de Pontevedra.
A muller, de 28 anos e nacionalidade vietnamita, explicou aos axentes que se dirixía a Vilagarcía de Arousa e estaba a seguir as indicacións do aparello GPS, que a enviou pola autoestrada a pesar de que as bicicletas non poden circular por esta vía.
Ocorreu o pasado luns 10. Varias persoas chamaron por teléfono á central COTA da Garda Civil de Pontevedra alertando de que unha persoa circulaba en bicicleta pola AP-9.
Unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra desprazouse ata o lugar e interceptou á ciclista á altura do km. 130 da AP-9.
Os axentes procederon a auxiliar a esta ciclista e retirala da autoestrada.
Os axentes realizáronlle as probas de alcol e drogas, nas que deu un resultado negativo.
Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra agradecen a colaboración da cidadanía á hora de advertir coas súas chamadas de todas aquelas conducións irregulares que observen, xa que poden axudar a evitar situacións de risco para a seguridade viaria.