Os socialistas ven "decisivo" o papel da mocidade para "non retroceder á España gris"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Cun acto organizado de xeito conxunto coas xuventudes do partido na Praza do Hospital, os socialistas sinalaron o "papel decisivo" que terá a mocidade para evitar que o país "non retroceda á España gris de hai máis de 40 anos" e continúe estar á vangarda en liberdades.
Neste contexto, a número 2 ao Congreso por Pontevedra, Marica Adrio, e o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, subliñaron que "a través da política, do voto e do goberno que saia das urnas o vindeiro 23 de xullo terán un camiño ou outro que condicionarán o resto da súa vida".
Terán como opción, segundo os socialistas, un goberno do PSOE "que apostou pola mocidade e que estende os dereitos sociais" ou, como alternativa, un executivo de PP e Vox "que sabemos o que está a facer alí onde goberna" suprimindo avances e recortando dereitos.
O evento serviu para que os socialistas destacaran o paquete de medidas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para a xuventude, entre elas, os bonos gratuitos de transporte, a creación de vivendas a prezos asequibles ou a suba do salario mínimo interprofesional.
Tamén beneficiou aos mozos, segundo Marica Adrio e Iván Puentes, a reforma laboral que deu máis garantías de estabilidade no emprego, os bonos culturais, a achega económica destinada a bolsas e axudas ao estudo ou a redución das taxas universitarias.