O PSOE agarda que a decisión do BNG de levar os ambulantes de volta a Rafael Areses sexa "temporal"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Yoya Blanco, concelleira socialista e anterior responsable das actividades relacionadas co mercado ambulante no Concello de Pontevedra, mostrou o seu malestar porque Anabel Gulías, concelleira do BNG de Promoción da Cidade, non a informara do traslado da feira ambulante que se está celebrando nos últimos meses na Alameda á rúa Rafael Areses, onde se desenvolvía anteriormente.
A edil socialista espera que se trate dunha "cuestión temporal" debida exclusivamente ás festas da Peregrina e á celebración da Feira Franca durante os meses de verán. Critica tamén a "falta de respecto e de empatía" do goberno local do BNG cara aos ambulantes que non foron avisados "ata o de agora, coas previsións e compras da mercadoría feitas para todo o verán".
Yoya Blanco considera que Campolongo sería a mellor opción durante as festas, de maneira temporal. Engade que en Campolongo xa se retirou a estada que impedía a celebración alí do mercado ambulante. Por este motivo lembra ao BNG que xa, nun anterior mandato, Anabel Gulías decidira trasladar a este barrio os postos de venda con motivo do Campionato de España de Tríatlon.
Segundo expón, o tempo deu a razón ao PSOE no traslado á Alameda: "Foi un auténtico éxito de público e para os ambulantes, xerando actividade económica en todo o centro da cidade". A representante socialista lamenta a falta de diálogo do BNG co PSOE sobre este traslado en plenas negociacións para acadar un pacto de goberno; e coa hostalería e o comercio do centro cos que, segundo denuncia, non houbo diálogo.