Queimada gratuíta e actuacións musicais alumearán a Festa Gastronómica do Emigrante
Por Redacción
Sete países estarán representandos no evento gastronómico que se celebra esta fin de semana na Alameda de Ponte Caldelas, a Festa Gastronómica do Emigrante.
En 2022 repartíronse máis de 20.000 pratos e, nesta ocasión, están previstas diversas actuacións musicais para animar o evento.
Four Passengers, encargados de realizar versións, actuarán durante a cea do venres. O sábado ás 13.30 horas comezará a actuación de Aires da Castrelada e os Mariachis de Leonardo Flores ofrecerán un recital a partir das 21.30 horas.
Xa o domingo 9, Catro Ventos será a agrupación encargada de amenizar a comida ao mediodía.
Nas noites do venres e do sábado celebrarase unha gran queimada con esconxuro e repartición do licor, de balde, entre as persoas asistentes.
A Festa ofrece sete postos con propostas culinarias doutros tantos países, ademais tamén estarán dispoñibles dous postos de panadería. Cada espazo ofrecerá un prato e bebida ao prezo de seis euros.
Ademais, en cada posto ofreceranse outras comidas e bebidas típicas de países como Brasil, México, Venezuela, Alemaña, Bélxica, Itala e tamén de Galicia. Nesta ocasión, instaláronse 1.200 cadeiras no recinto.