Visitas gratuítas en galeón durante o verán e gran oferta lúdica e cultural para esta fin de semana en Vilagarcía
Por Redacción
Danza, literatura, poesía, música popular e heavy metal son as propostas das que poderán gozar os vilagarciáns entre este venres e o luns 10 de xullo.
A axenda a estreará a Banda de Música de Vilagarcía cun concerto que ofrecerá esta noite a partir das 21.00 horas no barrio do Piñeiriño no marco do programa A Banda na Rúa. Para a ocasión interpretarán un programa con música moi animada e popular con temas de Mocedades, Abba, pasodobres, etc…
O sábado é o turno do heavy metal co Alén Metal Fest, o festival de heavy e metal rock que se celebra no Parque da Xunqueira. A partir das 20.00 horas actuarán as bandas Sala Velatoria, Dormanth, Attick Demons, Dismal e Bloodhunter. A entrada é de balde.
Ese mesmo día, pero no Auditorio, os amantes da danza poderá asistir no Auditorio ao espectáculo "Universal" organizado polo Inquedanza Dance Studio. Farán un percorrido polos ritmos latinos ata o vibrante swing ou o seductor zouk brasileño, pasando pola danza contemporánea ata o actual reaggeton. As entradas para este espectáculo custan 5 euros e pódense adquirir o sábado na billeteira do Auditorio de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A función comeza ás 20.30 horas.
Á hora do vermú do domingo (13.00 horas), os amantes da poesía e o público en xeral poderá desfrutar na zona de bares da rúa Méndez Núñez do talento artístico e cultural do escritor e poeta, Alberto Avendaño, e da poetisa e músico, Clara Pino, a través dunha nova sesión do VermuteArte.
Finalmente, o luns, na confluencia das rúas da Baldosa e Rey Daviña desenvolverase unha sesión das Conversas Arredor. O protagonista da xornada é o escritor Manuel López Rodríguez que, de xeito informal e a través da charla, presentará os seus libros 'Cruz(eiro)' e 'para que non me esquezan'.
TRAVESÍAS GRATUÍTAS EN GALEÓN
Por outra banda, o Concello de Vilagarcía abre ás 9:00 horas do vindeiro luns 10 de xullo a reserva de prazas para participar nas travesías gratuítas en galeón que se desenvolverán durante os meses de verán.
Haberá saídas nos meses de xullo, agosto e principios de setembro, pero a reserva a abren de momento para as de xullo. A finais de mes abrirán un novo prazo para as restantes travesías. As persoas interesadas deben inscribirse a través da web www.ataquilla.com.
As rutas para as que se poderá reservar praza nesta primeira quenda son as previstas para o venres 14 e sábado 15 de xullo, e para as do 28 e 29 do mesmo mes. En cada unha das xornadas realizaranse dúas travesías, unha con saída ás 16 horas e outra ás 18. O número máximo de prazas que se poden reservar nunha mesma solicitude é de 4.
Dado que o aforo do galeón é limitado (só poden viaxar 9 pasaxeiros en cada viaxe), polo que para facilitar a asistencia do maior número de persoas e de que non queden vacantes, unha vez cubertas as prazas en cada travesía, este ano dáse a opción de anotarse na lista de agarda, trámite que tamén se poderá realizar a través de ataquilla.com.
Co mesmo obxectivo, en caso de que haxa persoas que teñan entrada pero non poidan acudir á cita, anulen a través da propia web, de xeito que poidan entrar persoas da lista de agarda. A cancelación da reserva pode realizarse ata 48 horas antes da saída. No caso de producirse baixas, a propia web remitirá un aviso á persoa que corresponda segundo a orde na lista de agarda.
Cara finais de mes e con antelación suficiente informarán da apertura do prazo de reserva para as saídas previstas nas fins de semana de agosto e setembro. Os días concretos son o 11,12, 18 e 19 de agosto e o 1 de setembro.
Este programa de travesías en galeón está promovido polo Concello e ofrece unha alternativa turística e de ocio que permite aos participantes gozar da experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional galega pola Ría de Arousa, así como coñecer a riqueza natural e patrimonial da illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Tamén é un medio para divulgar a riqueza etnográfica dos pobos mariñeiros e das embarcacións tradicionais como as que hai décadas sucaban as augas da Ría.
Nesta nova edición do programa ofértanse 162 prazas. O programa financiado polo Concello préstase a través do convenio coa asociación Rompetimóns, de Carril, propietaria do galeón 'Illa de Cortegada'.