Un xulgado de Pontevedra considera probados e non prescritos os danos causados polo cártel do coche aos consumidores
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra condenou a Ford, empresa que formaba parte do denominado cártel do coche, a indemnizar con 1.954 euros ao comprador dun vehículo polos danos derivados das prácticas infractoras do dereito da competencia.
O maxistrado asegura na sentenza que quedou "suficientemente acreditada a produción de danos aos compradores finais de automóbiles" por parte do cártel, os cales se traduciron "no pago dun sobrecusto á hora de realizar a compra". En concreto, fixou a compensación nun 10 % do prezo do turismo, adquirido en xuño de 2006.
O xuíz explica que a reclamación se fundamenta na resolución do 23 de xullo de 2015 da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) sobre fabricantes de coches, na cal, entre outras entidades, foi sancionada Ford, por formar parte do cártel entre febreiro de 2006 e xullo de 2013. Así, subliña que, tanto da resolución da CNMC como das sentenzas do Tribunal Supremo desestimatorias dos recursos presentados por fabricantes sancionados, pódense deducir "dous feitos irrefutables". En concreto, que as condutas infractoras da competencia nas que Ford tomou parte "influíron no prezo final de venda de automóbiles"; e que esa influencia "produciu efectos nocivos no mercado, efectos que, nestas circunstancias, se tiveron que traducir necesariamente no pago por parte dos adquirentes de vehículos dun prezo superior ao que correspondería en caso de non existir a infracción".
PRAZO DE PRESCRIPCIÓN
En canto á posible prescrición, o titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra rexeitou a postura de Ford, que sostén que, en relación co cártel, o prazo de prescrición das accións de danos comezou co ditado da resolución da CNMC, o 23 de xullo de 2015. Para determinar en que momento poderían ou poderían razoablemente os prexudicados ter un coñecemento dos datos indispensables para poder exercitar as súas accións, o xuíz indica que as resolucións da CNMC non son obxecto de publicación en ningún diario oficial. "Certamente, esas resolucións anúncianse e cólganse na propia páxina web da CNMC, pero se, tal como sinalou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE), non se lles pode esixir aos cidadáns en xeral un deber de dilixencia que implique un seguimento das notas e comunicados de prensa relativos a determinados feitos, moito menos se lles pode esixir que entren a diario en todas as páxinas web de todos os entes e organismos públicos para facer un seguimento das decisións que adoptan ou dos expedientes que están a tramitar".
Por iso, considera que o momento para ter en conta podería ser o da firmeza da sanción imposta pola CNMC para todos os infractores, "o que virá determinado polo ditado da última sentenza do Tribunal Supremo que resolva un recurso de casación sobre a materia, ou pola firmeza da última sentenza da Audiencia Nacional que resolva un recurso contra a resolución da CNMC, e que non sexa recorrida en casación". Desta forma, o maxistrado conclúe que "a circunstancia decisiva para estes efectos aínda non se deu, unha vez que non todos os recursos foron resoltos, polo que non comezaría sequera o prazo de prescrición da acción de danos". Ademais, destaca que, no caso de que puidese admitir que ese prazo se iniciase coa primeira sentenza emitida sobre o asunto polo Tribunal Supremo, sería a partir de maio de 2021. "De calquera modo, trataríase dun prazo de prescrición non esgotado", subliña o xuíz, pois o prazo fixado, de acordo coa doutrina do TXUE, sería de cinco anos.
CUANTIFICACIÓN DO DANO
En canto á cuantificación do dano, o maxistrado estima "un prexuízo razoable equivalente ao 10 % do prezo total de adquisición dos automóbiles". Deste xeito, explica que se trata dunha cifra que, por unha banda, "semella adaptada ás circunstancias do caso, especialmente no que se refire ao ámbito temporal do cártel no que participou a demandada (sete anos)". Ademais, subliña que os datos obxectivos apuntan "a unha desviación do prezo final dos automóbiles ao redor desa porcentaxe se se compara o mercado cartelizado español co non cartelizado dalgún outro país europeo". E, por último, o xuíz afirma que esa cifra tamén concorda co que conclúen os máis destacados estudos sobre cárteles. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.