VÍDEO.- Temeridade e acto vandálico de dous turistas subindo pola Torre de San Sadurniño de Cambados
Por María José Pita
O pasado luns 3 de xullo era captada a grave imprudencia de dúas persoas que se empoleiraban á Torre de San Sadurniño de Cambados, arriscando as súas vidas e cometendo un acto vandálico contra un monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
A persoa autora do vídeo, que desexa permanecer no anonimato, compartiu a grabación coa Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) para que a difundise nas súas redes sociais co fin de denunciar publicamente estes actos vandálicos, axudar a crear conciencia no respecto do patrimonio e para chegar ás autoridades que correspondan.
Carlos Henrique Fernández Coto, o presidente de Apatrigal, explica en conversa telefónica con PontevedraViva que en cada publicación etiquetaron ás autoridades correspondentes para asegurarse de que teñan noticia deste incidente e poidan actuar en consecuencia. Son cada día tantos feitos os que detecta esta asociación que "sería imposible denuncialos todos". Para Fernández Coto, o de Cambados é un episodio lamentable máis que se suma "a un home que o día anterior subiu polas esculturas da Porta Santa da Catedral de Santiago, e iso vén dous días despois de que pintaran na Igrexa de San Martiño Pinario, e iso vén unha semana despois de que unha peregrina puxera os quilómetros que recorrera no Camiño de Santiago con tiza en pleno Obradoiro".
O presidente de Apatrigal alerta de que "estamos vivindo unha vaga de agresións ao patrimonio sen igual". Apunta como unha das principais razóns o incremento do número de turistas, "sobre todo tras a pandemia pasamos a ser unha Comunidade receptora de turismo e temos que cambiar a mentalidade". Ten observado neste novo turismo unha ausencia dun "vínculo coa contorna", un concepto que se refire ao lazo que nos une co lugar de onde vimos ou onde vivimos. "Cando están fora da súa contorna, como o caso recente do home que detiveron no Coliseo de Roma facendo un acto vandálico, non teñen vínculo con el, a no ser que sexa unha persoa que viaxa interesada no patrimonio. O resto da xente que viaxa por viaxar non ten apego a esas pedras e, na maior parte dos casos, nin sequera sabe o seu valor".
"Moita xente non sabe o valor que ten a Torre de San Sadurniño nin sabe que se construíu hai doce séculos. Para eles é un lugar máis para sacar fotos, selfies, e en moitos casos publicalas en redes sociais para obter likes". O perigo desta banalización é cando se traspasa a liña e se pinta o patrimonio ou mesmo se retiran pedras de monumentos, un caso que ocorreu na Muralla de Lugo.
Como advertencia aos vándalos, o que pode parecer un xogo transfórmase nun acto que pode carrexar graves sancións. "Non olvidemos que no caso da Torre de San Sadurniño, que é un BIC como a Catedral de Santiago, as sancións poden chegar 150.000 euros e a máis de dous anos de cadea", recorda Fernández Coto. Polo momento, ningunha agresión contra o patrimonio en Galicia acadou eses extremos.
EFECTO CHAMADA
Ao viralizarse estes actos vandálicos a través das redes sociais córrese o risco do chamado "efecto chamada" e que estas agresións ao patrimonio se convertan nunha moda. Fernández Coto advirte de que "o efecto chamada xa existe, o que intentamos nós ao publicalo é concienciar que iso está mal feito".
Unha das achegas que fai Carlos Henrique para tentar atallar este problema é que as autoridades instalen xunto a cada monumento carteis que informen das prohibicións, "que os que temos certa idade e unha educación entendemos que non se debe facer, pero ao mellor esta xente de menos idade non está educada neses valores e nese respecto". Con todo, é consciente de que en moitos casos non se respectarán estes carteis, así que en lugares especialmente sensibles e que acollen moitos visitantes, como a contorna da Catedral de Santiago, propón que se aumente a presenza policial. "E a medio e longo prazo habería que cambiar a educación".
TORRE DE SAN SADURNIÑO
A Torre de San Sadurniño, ubicada no illote de A Figueira no barrio mariñeiro de Santo Tomé de Cambados, foi construída durante o século VIII ó IX d.C., para protexer o asentamento das incursións viquingas e vixía da ría.
A torre foi reconstruida durante o século XII cando era propiedade do arzebispo de Santiago de Compostela, Diego Gelmírez, que se viu obligado a mercala polo risco de perder o control estratéxico das súas terras.
Durante o século XV, o reino de Galicia enfrentouse á rebelión dos campesiños, e a torre foi derruída durante as batallas das revoltas irmandiñas, entre 1466 e 1470.
Uns anos máis tarde foi adquirida polo irmán de Pedro Madruga, Suero Gómez de Sotomayor, quen a reconstruíu, e en 1709 pasou a mans do marqués de Montesacro, Diego de Zárate y Muga.
En 1775, o terremoto de Lisboa afectou a toda a costa occidental da Península Ibérica, e a torre foi danada unha vez máis, estado no que chegou ata os nosos días.
Actualmente é de propiedade pública e un dos monumentos máis característicos de Cambados, declarado Ben de Interese Cultural en 1994.