Os campamentos de conciliación de Poio, abertos desde este luns
Por Redacción
Raxó Verán e Campa Verán. Os dous programas que o Concello de Poio activa tradicionalmente para facilitar a conciliación das familias que residen ou traballan no municipio durante os meses das vacacións escolares abrirán as súas portas este luns 3 de xullo.
Este ano aumentáronse as prazas e igualáronse os horarios dos dous campamentos, de xeito que se garante atención entre as 07.30 e as 15.00 horas. O Concello de Poio, para ambos os dous campamentos, recibiu 304 solicitudes.
O Campa Verán desenvolverase os meses de xullo e agosto no CEIP Isidora Riestra e conta con 150 nenos por quenda de quince días.
Pola súa banda, o Raxó Verán organízase no CEIP Espedregada e nel participan un total de 45 nenos por cada quenda de quince días.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Educación, Natalia Sabarís, reuníronse esta semana coas nais e pais dos participantes para explicar o funcionamento do campamento e resolver as principais dúbidas.
Os campamentos de verán teñen por obxecto ofrecer unha alternativa de ocio para as nenas e nenos, nun espazo e tempo para desenvolver actividades de carácter lúdico como manualidades, obradoiros ou actividades deportivas, todas con criterios e valores educativos.
Con respecto ao prezo, as familias terán que abonar trinta euros por neno en cada quenda. A cota será de vinte euros para o segundo fillo inscrito por cada quenda, de dez euros para o terceiro e o cuarto menor será de balde.