A Xunta restaurará a capela da illa de Cortegada
Por Oskar Viéitez
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o goberno autonómico restaurará a capela da Virxe dos Milagres da illa de Cortegada cun investimento de 600.000 euros e cuxa licitación se prevé para as vindeiras semanas.
Así o deu a coñecer o mandatario galego, quen acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o arquipélago do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Neste enclave, destacou o seu importante patrimonio-cultural, como reflicte esta capela de estilo renacentista e que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Rueda lembrou que se trata dun ben protexido que, tras estas actuacións, incorporarase aos usos do Parque Nacional das Illas Atlánticas para "recuperar a memoria e historia" da illa e das súas xentes.
No 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio xa realizou obras de consolidación de urxencia das ruínas da capela. Agora, con esta nova intervención, construiranse os muros derrubados, a bóveda, limparase o interior e renovaranse carpinterías, entre outras accións.
Ademais do seu patrimonio cultural, o presidente da Xunta fixo especial fincapé no gran valor natural e medioambiental da illa de Cortegada, como reflicte o feito de que alberga o maior bosque de loureiro de Europa ou que nela se poden gozar de praias paradisíacas, o que a converten nun modelo do turismo sustentable polo que aposta o goberno galego.
Por estes motivos, Rueda remarcou o grande atractivo desta "marabilla" natural, que no último ano triplicou o número de visitantes ata chegar aos 2.150 entre xaneiro e maio.
"FANTÁSTICO VERÁN" PARA GALICIA NO EIDO TURÍSTICO
Precisamente, nesa liña, augurou un "fantástico verán" para toda Galicia desde o punto de vista turístico, en referencia ás cifras récords de turistas que se están rexistrando con máis de 174.000 compostelas entregadas no que vai de ano e máis de 1,5 millóns de visitantes.
O presidente da Xunta aproveitou a visita á illa para coñecer de primeira man o traballo para garantir a biodiversidade autóctona que realizan 15 persoas con discapacidade intelectual ou trastornos do espectro autista. Encárganse da eliminación de especies invasoras grazas a un programa da Xunta e do centro especial de emprego BATA.
O presidente agradeceu o labor "útil, necesario e imprescindible" que realizan para mellorar a illa e salientou a importancia de iniciativas deste tipo para impulsar a inserción laboral destes colectivos.
Relacionadas:
-
Licitados os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras en Cíes, Ons e Sálvora
Por Redacción |
-
Unha decena de voluntarios realiza labores ambientais na illa de Cortegada
Por Redacción |
-
Sae a licitación por 600.000 euros a restauración da capela de Cortegada
Por Redacción |
-
Izadas as 17 bandeiras azuis nas praias de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Unha meiga como guía que ensina Combarro aos turistas e quítalles o mal de ollo
Por Oskar Viéitez |
-
Retiran máis de 260 quilos de residuos das praias de Cortegada
Por Redacción |
-
As Illas Atlánticas dán a benvida ao turismo, sempre que sexa "sostible e responsable"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta ofrece 140 prazas gratuítas para as visitas guiadas polas Illas Atlánticas
Por Redacción |