Un operario municipal, trasladado ao hospital da Coruña tras sufrir queimaduras na sardiñada da Seca
Por Diego Espiño
As celebracións da noite de San Xoán deixaron un suceso amargo no Concello de Poio, onde un operario municipal do Concello sufriu queimaduras debido a un accidente relacionado coa sardiñada popular que se estaba a preparar na Seca.
O suceso tivo lugar "mentres estabamos a preparar todo para asar as sardiñas", explica o Concello de Poio.
O home foi atendido por unha ambulancia do 061, que o evacuou inicialmente ao Hospital de Montecelo.
Posteriormente foi derivado ao Hospital da Coruña para ser atendido na unidade especializada en persoas queimadas.
"Agora mesmo está en observación e estamos en permanente contacto coa súa familia para coñecer a súa evolución", confirma o alcalde, Ángel Moldes.