Identifican dous vigueses por danar os retrovisores de coches aparcados en rúas de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra identificou dous veciños de Vigo de 20 anos como presuntos autores dun delito de danos por esnaquizar espellos retrovisores de vehiculos estacionados en rúas da capital.
Os feitos aconteceron arredor das 6.00 horas da madrugada do sábado ao domingo despois de que un axente municipal fóra de servizo dese a alerta do que estaba sucedendo, segundo informou a Policia Local.
O policía non estaba a traballar, pero presenciou como dous individuos esnaquizaban os espellos de dous coches aparcados na rúa Padre Gaite, nas inmediacións do Centro de Tecnificación Deportiva, de modo que chamou á Xefatura policial para relatar os feitos.
Unha patrulla desprazouse ao lugar e interceptou os dous individuos que lles describira o seu compañeiro na rúa Santa Clara, a poucos metros do lugar. Tras dalos o alto, identificáronos por danos e percorreron as inmediacións para detectar o alcance das súas accións.
Os axentes localizaron un vehículo Citroën Berlingo e un Ford Focus que tiñan senllos espellos retrovisores colgando do cableado na rúa Padre Gaite. Nas inmediacións, na avenida de Bos Aires detectaron un Seat Ibiza que presentaba os mesmos danos. Os tres estragos foron supostamente realizados polos dous mozos vigueses.