Chaman o guindastre por un accidente na AP-9 e o condutor que vai recoller o coche chega drogado
Por Redacción
A Garda Civil denunciou o pasado mércores 14 de xuño o condutor dun guindastre que acudiu á autoestrada AP-9 por un accidente e acabou dando positivo na proba indiciaria de consumo de drogas.
De confirmase polo laboratorio o resultado positivo en drogas, o home, veciño de Pontevedra de 34 anos, podería enfrontarse a unha sanción de 1.000 euros (500 con redución do 50%) e a retirada de seis puntos do seu permiso de conducir.
Unha patrulla do destacamento de Tráfico de Vilaboa de servizo na autoestrada estaba a auxiliar ao condutor dun vehículo que sufrira un accidente á altura do km 144,800, sentido A Coruña, cando detectou esta infracción.
O condutor e único ocupante do vehículo accidentado resultou ferido e foi trasladado a un centro hospitalario, mentres que o vehículo quedou na AP-9 e solicitouse o servizo de guindastre.
Dúas horas despois de solicitarse o servizo, chegou o condutor co guindastre e, segundo a Garda Civil, presentaba síntomas de poder atoparse baixo os efectos dalgunha substancia psicotrópica.
Os axentes realizáronlle a proba de drogas e deu positivo indiciario en THC, pendente de confirmación polo laboratorio.
Seguidamente procedeuse á inmobilización do vehículo guindastre, ata que compareceu outro empregado da empresa, que se fixo cargo do mesmo.