Un pontevedrés, recoñecido como afectado polo cártel dos coches e recuperará 1.235,27 euros por un vehículo comprado en 2008
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza contra o coñecido como cártel dos coches que, ao longo de varios anos, engordou o prezo dos vehículos, co consecuente prexuízo para o comprador. Esta sentenza condena a Opel a devolver a un pontevedrés o 10% do valor do coche.
A sentenza, que xa é firme, estima de forma parcial a demanda interposta polo comprador a través do letrado Javier Pérez, de IMASD Avogados e condena á compañía automobilística a pagarlle en concepto de indemnización por danos a cantidade total de 1.235,27 euros, ademais do interese legal computado desde o 30 de xaneiro de 2008, data na que comprou o vehículo.
O coñecido como cártel dos coches estaba integrado por case todos os grandes fabricantes que operan en España, con excepción do grupo Volkswagen e Seat, que foron quen delatou ao cártel.
No caso da demanda que se acaba de coñecer, o demandante presentouna en novembro de 2022 contra Opel por unha reclamación de cantidade por danos derivados de actividades infractoras do dereito da o competencia.
O demandante comprou un coche en xaneiro de 2009 por 12.352,68 euros máis intereses e na demanda sostén que o adquiriu "con sobrecusto" porque Opel formaba parte do citado cártel. Foi unha das compañías sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) por estas condutas.
Alegaba que lle xeraba uns prexuízos que estimou na súa demanda en 1.477,38 euros, máis os intereses correspondentes, aínda que finalmente logo o xuíz rebaixou esa cantidade en 242,11 euros.
O caso chegou a xuízo en marzo e o pontevedrés afectado insistiu en que o prezo de adquisición do seu vehículo "sería superior ao real" pola existencia do cártel e tamén indicou que antes de chegar a xuízo, en maio de 2022, xa efectuara ou a reclamación por burofax a Opel sen resposta.
En canto á compañía, opúxose á demanda alegando varias excepcións, entre elas, a prescrición dos feitos, a falta de proba acerca dos prexuízos denunciados e a falta de requisitos para a procedencia dunha indemnización
Na súa sentenza, o xuíz, Manuel Marquina Álvarez, sostén que a existencia do dano ocasionado polas prácticas infractoras da competencia "está acreditada" neste caso, aínda que, á vista das probas que as partes puideron achegar, "non resulta posible a súa cuantificación".
Á hora de ditar sentenza, o xuíz tivo en conta a xurisprudencia xa fixada polo Tribunal Supremo e decidiu aplicar o criterio de estimación xudicial do dano admitido por este tribunal, considerando un prexuízo razoable equivalente ao 10% do prezo total de adquisición do automóbil. Neste caso, 1.235,27 euros.