A Deputación reparte axudas entre os concellos para promover o uso da lingua galega
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vén de repartir as axudas para actividades para dinamización da lingua galega entre 34 concellos da provincia. A partida incrementárase este ano un 50 % ata os 150.000 euros, esgotando todo o crédito dispoñible.
As axudas para a dinamización da lingua teñen por obxecto promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega, co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia con repercusión social, que organicen os concellos no seu termo municipal. A axuda para a realización de actividades de dinamización da lingua dirixidas aos concellos pode chegar ata o 75 % do orzamento presentado para a súa realización e poderán beneficiarse deste programa os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes.
Entre os eventos subvencionables están cada ano os certames literarios e xornalísticos, de creación audiovisual e literaria, feiras e eventos, estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia, actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego; ou calquera outra actividade ou programa de actividades cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do idioma galego entre a poboación, nomeadamente entre a infancia e a mocidade, ou actividades de captación de neofalantes.
Na comarca de Pontevedra accederon ás axudas Barro (5.444 euros) para o proxecto 'Dándolle á lingua’; Poio (4.005 euros) para o concurso literario Xaime Illa Couto; e Ponte Caldelas (3.267 euros) para o calendario de dinamización sociolingüística das Letras Galegas. Na comarca do Morrazo as axudas chegaron a Bueu, para o proxecto 'Ghallufadas' un certame literario en Marín e en Vilaboa para cartaces e anuncios de actividade de promoción económica e comercial.
Na comarca do Umia, as subvencións chegaron a Caldas, para o proxecto ‘Caldas move ficha a prol do galego’; para Cuntis, para o proxecto ‘#Faiogalegoviral’; a Moraña, para promocionar o galego no comercio; e a Portas, para o libro ‘Mulleres da nosa terra'. No Salnés, os concellos beneficiarios foron Cambados, para os libros ‘Mulleres da nosa terra-Rosalía’; Meis, para o teatro ‘As alumnas’ con motivo das Letras Galegas; e Sanxenxo, para as actividades ‘Sanxenxo Fala’.
Relacionadas:
-
A Deputación lanza "Aviventa a Cultura" unha extensa programación para "reanimar, fortalecer, protexer, incentivar" este sector
Por Oskar Viéitez |
-
Ata 55.000 euros en axudas provinciais para a edición de libros e audiovisuais en galego
Por Redacción |
-
220.000 euros destinará a Deputación para fomentar a lingua galega en concellos e entidades culturais
Por Redacción |