Ata 55.000 euros en axudas provinciais para a edición de libros e audiovisuais en galego
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra aumentará a contía das axudas provinciais para a edición de libros e audiovisuais en galego. Para este ano 2021, dedicaranse ata 55.000 euros, segundo avanzou a deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega.
O importe máximo no caso de publicacións en papel pasará de 2.000 euros a 3.000 euros e os formatos audiovisuais e mixtos pasarán de 6.000 euros a 8.000 euros.
Mantéñense os formatos especiais en braille, audiolibros para persoas con diversidade auditiva ou formatos para persoas con diversidade cognitiva non superarán o importe de 12.000 euros.
Quedarán excluídas da convocatoria as reedicións de calquera peza editada anteriormente.
O obxectivo das axudas, segundo María Ortega, é apoiar e colaborar en traballos en lingua galega considerados "de interese" para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega "a través do tempo", nomeadamente relacionados coa provincia de Pontevedra
Na modalidade de ficción, poderanse subvencionar audiovisuais, banda deseñada, traballos que busquen consolidar produtos innovadores de difícil saída en editoriais privadas ou dedicados a públicos específicos ou edicións especiais en braille e noutros formatos adaptados.
En non ficción valoraranse as edicións de ensaios e estudos que teñan relación con aspectos da provincia, de persoas ou colectivos relevantes e que traten sobre arquitectura e urbanismo, danza, escultura, música, pintura, literatura, cinema e audiovisual, fotografía, banda deseñada, patrimonio, memoria histórica democrática, fomento da igualdade entre xéneros e fomento da normalización da diversidade funcional.