Chega a V edición do Solifesti para fomentar a campaña de doazón de médula
Por Anxo Lourido
Este venres 16 de xuño celébrase a quinta edición do Solifesti, o festival solidario que organiza o CPI Mosteiro-Meis en colaboración coa ANPA A Capela, a Asociación Sociocultural A Baralla e o Concello de Meis.
Nesta ocasión, o evento quere colaborar coa campaña de doazón de medula que emprendeu Ángel Lodeiro, pai dunha alumna do colexio, que padece unha leucemia. A recadación destinarase ás asociacións Asotrame e Fundación Josep Carreras. Ademais, a organización destinará parte da recadación ao banco de alimentos de Meis e Portas.
O diñeiro obterase da venda de camisetas e rifas durante esa xornada e tamén a través da venda de bebidas e chouripáns.
Neste ano participan todos os centros educativos do municipio de Meis: o Municipal de Meis, CRA de Meis, Ceip de Armenteira e CPI Mosteiro-Meis, e tamén o CPI Domingo Fontán de Portas.
Tamén está prevista unha xornada de convivencia de todos os centros participantes ao longo da mañá do venres. O alumnado terá a oportunidade de divertirse con varias actividades de animación.
O festival comezará ás 16.00 horas no Campo da Feira de Mosteiro con actividades de lecer para os escolares. Despois realizaranse actuacións conxuntas do alumnado dos centros participantes para finalizar cos grupos Os Druídas, Totem, Dj Koking, Son das Tabernas e Gin Toni's.