O mozo detido por ferir un policía na Comisaría, ingresado e custodiado nun centro psiquiátrico
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O mozo de 26 anos detido ao mediodía do martes tras entrar violentamente na Comisaría Provincial de Pontevedra e ferir un axente da Policía Nacional foi internado nun centro psiquiátrico.
Fontes xudiciais confirmaron a PontevedraViva que o xuíz do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, en funcións de garda, decretou o seu internamento involuntario no centro psiquiátrico con custodia policial.
Estas mesmas fontes explicaron que o mozo non pasará a disposición xudicial, de momento, senón que permanecerá ingresado "ata que as súas condicións médicas o permitan" e poida prestar declaración.
O mozo foi detido sobre as 13.30 horas deste martes. Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, un familiar estaba na Comisaría realizando un trámite relacionado cun asunto de Estranxeiría e este home entrou cun coitelo e un cúter na man e tentou ferilo.
Segundo relatan testemuñas presenciais, entrou moi alterado e sen atender a razóns. Varios policías que estaban nese momento na porta tentaron reducirlle e acabou ferindo cun coitelo a un deles.
Segundo informou a Policía Local, despois de agredir ao compañeiro da Policía Nacional, o agresor saíu da Comisaría e meteuse nun coche. Nese momento, chegaban á Comisaría axentes municipais, que procederon a cortar o tráfico na rúa e a asegurar a zona. Tentou agredir un policía local, que logrou repeler a agresión e, cando foi a dar unha patada ao outro, este logrou desestabilizalo e caeu a chan. Nese momento, procederon á súa detención.
En canto ao policía ferido, trasladouse cunha ferida nun ombreiro ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.
Relacionadas:
-
Concentración de sindicatos policiais: "Estamos abandonados pola Administración e a Xustiza tampouco nos entende"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Solicitan que se condecore o axente ferido en comisaría e aos compañeiros que reduciron o agresor
Por Redacción |
-
Detido un mozo que feriu un policía dentro da propia Comisaría
Por Natalia Puga | Creada e actualizada