Condenada unha vilagarciá que vendía droga en colaboración co seu noivo e escondíaa nun ovo Kinder
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou coa súa conformidade a unha muller que traficaba en Vilagarcía de Arousa en colaboración co seu noivo, xa condenado por estes mesmos feitos. Ela foi sorprendida cando levaba encima un ovo Kinder con cocaína valorada en 380,15 euros.
As maxistradas da sección cuarta da Audiencia revisaron a causa en abril e, tras o acordo entre as partes, ditaron unha sentenza de conformidade na que a acusada resulta condenada por un delito contra a saúde pública referido a substancias que causan grave dano á saúde a dous anos de prisión e o pago dunha multa de 200 euros.
Para determinar a pena, tívose en conta a circunstancia atenuante analóxica de confesión.
A agora acusada e o seu noivo cometeron este delito entre os meses de novembro de 2019 e abril de 2020, sendo ela colaboradora estable del. A súa tarefa era encargarse de facer entregas de partidas de estupefaciente e cobranzas das mesmas por conta da súa parella.
A detención dela produciuse o 19 de febreiro de 2020, cando axentes da Policía Nacional de Vilagarcía realizaban labores de investigación no interior dun vehículo policial camuflado estacionado en cálea Doutor Tourón de Vilagarcía.
Os axentes puideron constatar que xusto diante do vehículo policial estacionaba un Peugeot Partner, a acusada achegábase e abría a porta do acompañante. Ao entrar no coche, entregou ao condutor un envoltorio branco con cocaína e el deulle dez euros.
Tras esta entrega, unha axente policial realizoulle un cacheo superficial e localizou á altura da cintura por dentro do pantalón un bote de cor amarela baleira e entre as súas roupas, dous envoltorios brancos de plástico con cocaína.
Minutos antes, o comprador chamara ao seu noivo solicitándolle droga e el enviouna a ela para que lla entregase. A muller tamén levaba outros 10 envoltorios con cocaína e os axentes interviñéronlle outros 12 envoltorios plásticos con cocaína no interior de ovo un Kinder, en total, 1,434 gramos cunha riqueza de 95,1% e un prezo no mercado ilícito de 380,15 euros na súa venda por dose.