A Universidade de Vigo celebra a toma de posesión de 25 novos catedráticos, 14 catedráticas e 75 docentes titulares
Por Redacción
Ao longo do pasado ano 2022 obtiveron praza como catedráticos e titulares na Universidade de Vigo 114 docentes: 25 novos catedráticos, 14 catedráticas e 75 titulares -42 homes e 33 mulleres-.
Para eles e elas organizouse o pasado venres un acto de toma de posesión no paraninfo do edificio Ernestina Otero, un "pequeno agarimo para quen é bo exemplo da vitalidade da institución, a calidade que teñen as nosas profesoras e profesores e o ben que levan facendo o seu traballo durante moito tempo", tal e como lles subliñou o reitor, Manuel Reigosa, quen se referiu a esta data como "un día de ledicia no que se celebra o éxito profesional de tantos de vós".
Entre as persoas que tomaron posesión como catedrática atópase a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, para quen chegar ata aquí tampouco foi doado.
"Ser muller nun contexto moi masculinizado non pon as cousas precisamente fáciles", salienta Díaz, quen engade que na súa área de coñecemento, Enxeñaría Telemática, "con datos do mes de xaneiro, só somos tres mulleres catedráticas en toda España e, no caso da miña escola, só dúas mulleres acadamos esta categoría, cifras que amosan unha situación de clara desigualdade e que non fai xustiza á competencia e profesionalidade das mulleres deste sector".
Para Marcos Dopico, decano comisario da nova Facultade de Deseño no campus de Pontevedra, este acto serviulle tamén para botar a ollada atrás, ata o ano 2002, cando comezou como docente na Universidade de Vigo. Chegar a titular de universidade supón, ao seu modo de ver, un refrendo ao labor docente e investigador de todos estes anos.
"É un paso máis na miña carreira persoal, pero tamén construír universidade, poder participar na xestión, investigación e docencia nunha posición que permita consolidar a universidade dende o ámbito no que eu estou", explica o docente. "A universidade é unha carreira de fondo, por iso o máis difícil para min en este proceso foi superar certos momentos de incerteza, e saber adaptarse no teu traballo ás demandas que pide o alumnado nun mundo tan cambiante como o noso".
1.600 PERSOAS
A cifra actual de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo sitúase na actualidade en algo máis de 1.600 persoas. A categoría máis numerosa é a de docentes titulares, 576, dos que 322 son homes e 254 mulleres, seguido do corpo de persoal catedrático, 224 persoas, das que 159 son homes e só 65 mulleres, cifras que dan conta de que o coñecido como teito de cristal, tamén existe na universidade, aínda que se agarda vaia minguando ano a ano.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo on tamén moi representativas as cifras de profesorado contratado doutor, 177, con 96 mulleres e 81 homes; e de profesorado asociado, 298 -189 homes e 102 mulleres-. A listaxe continuaría con outros tipos de categorías como profesor axudante doutor (78), contratado FPU (27) ou investigadores Ramón y Cajal (27), só por citar algúns exemplos.