Cortes de tráfico en Cuntis con motivo da celebración do Corpus
Por Redacción
A Festividade do Corpus en Cuntis obriga a pechar ao tráfico varias rúas e prazas do centro da vila ante a previsión da tradicional creación de alfombras florais e realización de diversos actos dentro da programación.
Desta forma, o alcalde Manuel Campos publicou un bando no que indica que quedarán cortadas ao tráfico e prohibida a parada, estacionamento e circulación de vehículos a Rúa da Presiña (intersección da Rúa Jesús Sánchez cara á Praza de Ferrol); a Praza de Ferrol; Rúa do Balneario; Praza de Galicia e Rúa da Igrexa.
Esta medida establécese desde as 14.00 horas do sábado 10 de xuño, dúas horas antes de que comece a elaboración das alfombras artesanais, ata as 23.59 horas do domingo 11.
O incumprimento do bando conlevará unha sanción, segundo indican desde o goberno local, que tamén roga á cidadanía que desculpe as molestias que se poidan ocasionar durante esas horas.
Dentro da programación, o sábado a verbena correrá a cargo da orquestra Triunfo e do dj Álex Brea, mentres que o domingo está previsto un concerto da banda de música de Vilatuxe. En ámbalas xornadas haberá pasacalles e espectáculos infantís, entre outras actividades.