As consolas de xogo son xa inherentes ás actuais xeracións máis novas, pero houbo outras para as que o primeiro acceso a estes videoxogos estaba nas salas recreativas ou en sistemas moito máis simples que os sofisticados dispositivos actuais. 'Boomer o último' volve dar un salto no tempo para quedar con aqueles primeiros títulos e máquinas de recreo.
Jesús Fontanes e Marcial Outeda, coa súa retranca habitual, recuperan momentos da infancia e adolescencia e títulos como o mítico 'Tetris', o 'Donkey Kong', 'Mario Bros.', 'The legend of Zelda'... e lévannos tamén por aqueles salóns recreativos que, con maior ou menor éxito e afluencia, eran lugar de encontro de moitos boomers.
Neste capítulo ademais, a sección de 'O despezamento' dedícana ao que pasa por ser o peor videoxogo da historia; un título de indiscutible éxito nas pantallas do cinema, pero nefasto no seu traslado a videoxogo por Atari, sabes de que personaxe falan?. Resposta afirmativa ou negativa, a recomendación é que escoites o podcast na ligazón que se adxunta ou que o descargues na web de PontevedraViva Radio. Risa asegurada.