Educación xa pode comezar as obras de reforma do IES Valle Inclán
Por Alejandro Espiño
A reforma integral do IES Valle Inclán xa ten licenza. Os servizos urbanísticos municipais autorizaron por fin esta intervención, despois de que a Xunta de Galicia emendou os requirimentos realizados polos técnicos do Concello.
Así, a licenza foi concedida tras a presentación dun proxecto para separar as redes de augas pluviais e fecais do centro, do oficio relativo á dirección de obra e a preceptiva autorización de Patrimonio para poder actuar sobre o inmoble.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que estas cuestións xa foron corrixidas pola administración galega e mostrou a "total disposición e colaboración" do Concello cunha actuación que tachan de "moi importante" para a cidade.
A empresa adxudicataria das obras, Construcciones Ramírez, terá agora un prazo de seis meses para iniciar estes traballos. Previsiblemente arrancarán no verán para interromper o menos posible a actividade lectiva.
A reforma, que custará 4,67 millóns de euros, ten un prazo de execución de 16 meses e terá que estar terminada, como máximo, antes de que cumpran os dous anos.
O centro conta con 8.300 metros construídos e 323 xanelas en catro pisos, que serán renovadas. Mellorarase o illamento das cubertas e o interior da fachada, cambiarase o sistema de calefacción, auga quente e a iluminación de todo o instituto.
En canto á rehabilitación estrutural, está previsto reforzar os forxados, renovar a estrutura metálica do patio cuberto e incrementar a seguridade ante un posible incendio.
Un dos traballos máis complexos será a instalación dunha nova cuberta cunha forma similar á orixinal, que cos anos foi parcelada para dar luz á aula de debuxo. Tamén se limpará e tratará a fachada de pedra, ademais de renovar aseos e vestiarios no soto.
A mellora dos acabados, portas interiores e contras das xanelas ou a renovación da cuberta do patio interior tamén figuran entre os traballos para realizar.