Ata o 19 de xuño permanece aberto o prazo para solicitar permiso para montar fogueiras de San Xoán
Por Redacción
Atópase aberto o prazo para solicitar a instalación de fogueiras na noite do 23 de xuño no municipio de Pontevedra, con motivo da celebración de San Xoán. As peticións poderán realizarse ata o día 19 ás 13.00 horas a través do sistema telemático ou de forma presencial no Rexistro do Concello, no edificio de Michelena 30 ou nas dependencias da Policía local en Alexandre Bóveda. É preciso cubrir o modelo 906.
O Concello de Pontevedra emitiu un bando onde se recollen os requisitos para desenvolver esta actividade.
Lembran que as fogueiras terán que manter unha distancia dun mínimo de 15 metros das edificacións e das árbores. O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira sairá de catro metros de ancho cunha altura máxima de dous metros. As persoas asistentes á fogueira non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto do perímetro exterior.
Os materiais para empregar na combustión serán: leña, pólas de árbores, troncos de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense outro tipo de materiais, especialmente pneumáticos, plásticos, latas, materiais con PVC, botellas, e tamén aerosois, aceites, líquidos combustibles ou calquera substancia explosiva. Están prohibidas as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos ou de calquera outra índole.
Tamén se impide a realización de fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.
A persoa que realice a solicitude deberá acatar as normas ou instrucións que ditaminen os axentes dos corpos da Policía Local ou de Bombeiros.
Relacionadas:
-
Cacharelas, sardiñas e verbenas para celebrar o San Xoán en Poio
Por Redacción |
-
Autorizadas as fogueiras nas praias de Silgar, Panadeira e Caneliñas en San Xoán
Por Redacción |
-
A partir do 8 de xuño, poderanse pedir os permisos para fogueiras e grelladas de San Xoán
Por Redacción |
-
A cidadanía de Bueu ten ata o 12 de xuño para solicitar autorización para facer fogueiras polo San Xoán
Por Redacción |
-
Xa vai sendo hora de empezar a falar das fogueiras de San Xoán
Por Oskar Viéitez |