![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/52d40e0dae204-maletin.jpg)
CC BY-NC-SA Policía Nacional de Pontevedra
Varios pontevedreses caen no engano do maletín de coitelos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Varios veciños de Pontevedra (tanto da cidade coma das parroquias do rural), Marín e Vilagarcía denunciaron nas últimas semanas que foron vítimas dun novo engano que irrompeu na provincia. Os estafadores quedan co diñeiro das vítimas entregándolles a cambio un maletín de coitelos do que aseguran que llo enviou un familiar, habitualmente un neto.
A Policía Nacional alerta desta estafa e de que a realizan certos individuos que só perseguen o lucro persoal, polo que recomenda a todos os cidadáns, e en especial aos de idade máis avanzada, que non fagan caso a requirimentos estraños por parte de descoñecidos.
Esta nova modalidade de estafa detectada consiste en que un ou máis individuos abordan cun sorriso a un cidadán, xeralmente unha persoa de idade avanzada. Cando se encontran próximos ao seu domicilio particular, e coa escusa de que veñen de parte dun familiar, lle explican que lle traen un encargo e que a cambio téñenlle que entregar unha cantidade de diñeiro. Recibido o diñeiro, déixanlle un maletín negro que supostamente lles envía o familiar e que non contén máis que un xogo de coitelos.
Como exemplo do que sucede, facilitan o caso dun pontevedrés que denunciou que fora vítima dunha estafa o 14 de decembro. Segundo relatou, foi abordado por un individuo cando se dirixía ao seu domicilio e este lle relatou que lle traía un encargo do seu neto polo que debía pagarlle 450 euros.
O denunciante díxolle que non tiña tanto diñeiro enriba, pero que se o acompañaba ao seu domicilio lle entregaría o que tivera na casa nese momento. Ao chegar á casa entregoulle 110 euros e quedou co suposto estafador en que o resto llo entregaría ao día seguinte. A cambio fíxoo entrega dun maletín negro que presuntamente lle tería dado o seu neto para facerllo chegar.