Puentes esixe a Domínguez "menos fogos artificiais e brindes ao sol" con Raíña Vitoria
Por Alejandro Espiño
A proposta de Rafa Domínguez aos socialistas de Pontevedra para chegar a un acordo que permita a reapertura da rúa Raíña Vitoria xa ten resposta. Iván Puentes foi tallante. Pídelle ao líder do PP "respectar os prazos e procedementos democráticos".
Tras reiterar que o PSdeG-PSOE non votará xamais a Rafa Domínguez como alcalde de Pontevedra, Puentes lémbralle que para tomar decisións "reais e efectivas" para cambiar os usos dese vial "hai que estar no goberno e non na oposición".
O que o portavoz do PSOE considera "fogos artificiais" e declaracións "que non son máis que brindes ao sol" non debe eclipsar "o que toca nestes momentos", o que os socialistas abordarán nuns días, "buscar maiorías e fórmulas de goberno" co BNG.
"Mediante o diálogo, o consenso e o acordo queremos facer gobernable Pontevedra o próximos catro anos", sostén Iván Puentes.
Dentro deste marco de negociación, o grupo socialista pretende abordar a situación da rúa Raíña Vitoria "e doutros moitos retos e demandas que ten este concello, aos que lles debemos dar solución no próximo mandato"
Así, sentenciou que "estes días fai falta menos samba e máis traballar".