Sanxenxo sitúase entre os 50 municipios de máis peso turístico de España
Por Redacción
A alianza turística Exceltur sitúa a Sanxenxo entre os 50 municipios de maior relevancia turística de toda España no seu informe 'Atlas Municipal da Contribución Social do Turismo de España'.
Sanxenxo sitúase no posto número 49 como destino de España de maior relevancia turística e contribución social.
Exceltur é unha asociación sen ánimo de lucro, formada por 33 das máis relevantes empresas de toda a cadea de valor turística e dos subsectores do transporte aéreo, ferroviario, marítimo e terrestre, aloxamento, axencias de viaxes e operadores de turismo, medios de pago, alugueiro de coches, hospitais turísticos e centrais de reservas/GDS.
Neste Atlas, publicado en maio e baseado en datos do Instituto Nacional de Estatística, recóllense os 100 destinos máis importantes, segundo o volume de opcións de aloxamento de mercado.
Sanxenxo dispón de 24.758 prazas de aloxamento no mercado se contamos hoteis, apartamentos por chaves, cámpings, casas rurais e vivendas de uso turístico.
Ademais, conta con 12.211 segundas residencias que suman máis de 50.000 prazas de aloxamento.
O municipio ascende ata o posto número 40 da clasificación entre os principais destinos de costa e ao número 1 na lista de destinos de relevancia por comunidades autónomas.
En canto á relevancia do turismo, calculada en base ao número de turistas medio anual sobre o conxunto da súa poboación, Sanxenxo presenta unha porcentaxe do 61%, un dato que indica a importancia do turismo no sistema económico e social.
O Atlas de Exceltur tamén recolle empregos xerados dentro do sector turístico que no caso do municipio ascenden a 2.275.