![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/38d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6195023c22-mapa-cementerio.jpg)
© Concello de Vilaboa
Adxudicadas por máis de 460.000 euros as obras na EP-0104 ao seu paso por Vilaboa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación xa adxudicou as obras de mellora da EP-0104 Ramal-Igrexa de Figueirido (Vilaboa). Os traballos terán un orzamento de máis de 460.000 euros que costeará a institución provincial na súa totalidade xa que, tal e como explicaron, o 30% correspondente ao Concello será asumido a través do Plan Concellos da propia Deputación.
A actuación consistirá na mellora da seguranza viaria e mobilidade peonil na estrada, habilitando unha senda e unha zona de convivencia con prioridade para as persoas, e a rehabilitación do firme, seguindo o modelo provincial de mobilidade, segundo subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Os traballos, que teñen un prazo de execución de 4 meses, teñen como actuación central a construción dunha senda peonil feita de formigón coloreado ao longo dos 636 metros que ten esta estrada provincial, un viario cun importante tránsito peonil xa que a través del accédese á igrexa de Figueirido e ao cemiterio.
Ademais, contemplan a rehabilitación do firme e a correcta delimitación do espazo da plataforma da estrada, así como a habilitación de pasos peonís sobreelevados e dun tramo de calmado de velocidade nas inmediacións do cemiterio de Santo André de Figueirido, onde se habilitará unha zona de convivencia e unha praza con prioridade peonil.
Dentro das actuacións, teñen previsto tamén mellorar as actuais paradas de bus, así como a execución do sistema de drenaxe de augas pluviais e reposición de servizos afectados pola execución das obras. Abordarán o acondicionamento e mellora da fronte das parcelas con edificacións situadas na marxe esquerda e as dos actuais dispositivos hidráulicos.
Os traballos completaranse coa disposición de mobiliario urbano ao longo da senda, consistente en bancos de pedra con asentos de madeira e papeleiras, así como coa mellora da sinalización vertical e o repintado das marcas viarias.
Relacionadas:
-
Rematada a reforma da estrada que conecta a EP-0104 co cemiterio e a igrexa de Figueirido
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación mobiliza outros 11,1 millóns de euros "para seguir garantindo dereitos e servizos na provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobado o convenio para mellorar a senda peonil EP-0104 ao seu paso por Vilaboa
Por Redacción |
-
Unha senda peonil resolverá os problemas de seguridade viaria na contorna da igrexa de Figueirido
Por Redacción |