Absolven un pontevedrés acusado de abusos: unha menor foi atacada, pero non hai probas de que fora el
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu absolver a un mozo da cidade acusado dun delito de abuso sexual a unha menor á que alguén abordou en plena rúa e realizou tocamentos. O tribunal conclúe que eses abusos si tiveron lugar, pero non se pode demostrar que o autor fose o acusado.
Os feitos ocorreron sobre as 21.45 horas do 25 de xullo de 2021 en cálea Pintor Urbano Lugrís de Pontevedra. A sentenza recentemente ditada pola Audiencia conclúe que a menor, que naquel momento tiña 15 anos, camiñaba cara á súa casa cando "foi abordada por detrás por un home descoñecido".
O tribunal considera probado que ese descoñecido, "tras taparlle a boca coa man esquerda, comezou a tocarlle os peitos e a zona xenital por encima da roupa coa man dereita".
Eses tocamentos contra a súa vontade prolongáronse "durante uns instantes" ata que un coche polo lugar e fixo soar o claxon "o que provocou que o agresor fuxise correndo".
A menor, que entón tiña 15 anos, declarou a porta pechada na Audiencia para preservar a súa intimidade, e confirmou os feitos que no seu día denunciara na Comisaría e a Audiencia dáos por certos.
Con todo, o que non considera probado o tribunal é que o autor fose o acusado, que estivo en prisión por estes feitos durante dous meses, entre xullo e setembro de 2021, tras ser recoñecido pola vítima nun recoñecemento fotográfico.
"Non se acreditou a participación nos feitos do procesado" conclúe a sentenza, na que o tribunal argumenta que o recoñecemento fotográfico realizado pola menor en sede policial "estaba viciado de nulidade" porque o procesado estaba xa detido ao tempo de realizarse e porque "debeu estar presente o avogado defensor". Ademais, considera o tribunal que tiña que practicarse unha roda de recoñecemento en lugar do recoñecemento fotográfico.
O acusado negou os feitos, asegurado que que pasou o día coa que entón era a súa noiva e deixouna sobre as 21.10 horas na estación de tren. Logo, tras pasar un intre falando con ela por whatsapp, dirixiuse á súa casa, ás 21.25 horas aparcou, atopouse co seu irmán que estaba a sacar o lixo e foi con el para a súa casa. A súa versión referendárona a súa ex noiva, o seu irmán e a súa nai, que estaba esa noite en casa, e tamén unha veciña que viu aos dous irmáns a esa hora regresando a casa.