Agride á súa parella e ao cuñado desta cando acode a socorrela
Por Oskar Viéitez
A Policía local de Vilagarcía acudiu este martes, pasadas as doce e media da noite, á Rúa Bouza de Arriba, en Vilaxoán, alertados por unha liorta.
Segundo informaron fontes oficiais do Concello de Vilagarcía de Arousa, no lugar, ao que tamén se desprazaron efectivos do Corpo Nacional, os axentes municipais atoparon na rúa e descalza a unha muller de 54 anos que manifesta que minutos antes fora agredida pola súa parella tras unha discusión por mor dun teléfono móbil.
Ademais a muller engadiu que o seu cuñado, que vivía no piso de abaixo, tamén resultou agredido cando acudiu a interceder entre eles.
A versión foi corroborada por esta segunda persoa que mesmo dixo ter a gravación no móbil que o demostra.
A Policía Nacional detivo ao agresor, de 55 anos de idade, que non opuxo resistencia e que foi trasladado previamente ao PAC de Vilagarcía para ser atendido dalgunha lesión que presentaba froito da liorta.