Localizan unha vaca agonizando en Campo Lameiro á que lle roubaron o seu becerro
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro puxo en coñecemento do Seprona un grave caso de maltrato animal despois de atopar unha vaca agonizando no límite co veciño municipio de Moraña. Ao parecer, ao animal fóralle substraído o seu tenreiro. Ademais o animal carece de identificación bobina nas súas orellas.
Alertados pola veciñanza, o alcalde Carlos Costa e a concelleira Nieves Boullosa acudiron ao lugar para verificar a veracidade dos feitos e poder comprobar como a vaca xacía no chan nun estado de sufrimento extremo.
O animal estaba cheo de moscas e totalmente rendido en situación agónica o que provocou que a esas altas horas da noite se localizara a un veterinario para que examinara ao animal e determinara o mellor proceder. Ao final, o facultativo recomendou o seu sacrificio polo dano irrecuperable recibido e o sufrimento insoportable que padecía.
A vaca presentaba tamén varias lesións presumiblemente procedentes de mordiscos producidos por algún tipo de animal, posiblemente cans, que vendo a vulnerabilidade da res intentaran acabar coa súa vida.
O alcalde Costa puxo os feitos en coñecemento do Seprona da Garda Civil coa intención de que se localice e identifique ao autor de semellante maltrato animal e se lles aplique con rigurosidade as medidas sancionadoras e punitivas que determine a normativa vixente. Os axentes xa estiveron esta mañá no lugar dos feitos iniciando as pesquisas oportunas.